Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta de Galicia aposta pola inclusión e a igualdade nos centros educativos a través das aulas I+I


O obxectivo deste proxecto desenvolto durante o curso 2016-2017 é reflexionar sobre as posibilidades do alumnado que presenta algunha discapacidade e conseguir un cambio metodolóxico nas aulas que dea cabida a todos os escolares, entre outros

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu á inauguración da xornada sobre Aulas I+I (inclusivas e igualitarias), un encontro no que se expoñen as conclusións deste proxecto que busca traballar a inclusión dos nenos e nenas con discapacidade e que foi desenvolta por primeira vez ao longo do curso 2016-2017. Estas aulas enmárcanse no Plan proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os obxectivos das Aulas I+I pasan por reflexionar sobre as posibilidades e os atrancos do alumnado que presenta algún tipo de discapacidade, potenciar que sexan parte activa na toma de decisións, e conseguir un cambio metodolóxico nas aulas que dea cabida a todos os escolares, así como formar ao profesorado nos procesos de igualdade e dereitos das persoas con discapacidade.

Neste curso, a iniciativa contou con cinco centros participantes que puxeron en marcha diferentes medidas tanto para previr e evitar situacións de exclusión, como para promover a igualdade e a inclusión. Estes foron o CEIP As Mercedes (Lugo), IES Anxel Fole (Lugo), CEIP Anxo da Garda (A Coruña), CEIP Rebordáns (Tui) e CEIP Heroínas de Sálvora (Ribeira). Representantes de todos estes centros acudiron hoxe á xornada na que puxeron en común as súas experiencias e proxectos no ámbito da inclusión do alumnado con discapacidade nas súas respectivas aulas.

Durante a súa intervención, Rey Varela amosou a súa satisfacción por “traballar conxuntamente cos que están día a día nas aulas, pois a través deles coñecemos as necesidades de menores que, como non pode ser doutro xeito, son unha das nosas prioridades”, explicou. Deste xeito, o conselleiro explicou que “queremos converter esta colaboración co sistema educativo nunha constante, por elo, debemos sumar esforzos para que a coordinación interprofesional e interinstitucional sexa a base do noso traballo”.

Ademais de compartir experiencias entre os centros, a xornada contou coa proxección da curtametraxe Vida e o documental Máis ca vida –ambos dirixidos por Rubén Riós-, que amosa as vidas de dúas familias unidas polo destino a través de senllos membros das mesmas con discapacidade intelectual.

O conselleiro rematou a súa intervención agradecendo a colaboración dos profesionais que traballan nos centros docentes, da Asociación de profesionais da educación (Tadega), da produtora Claqueta Coqueta e dos protagonistas das pezas audiovisuais proxectadas, Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro.

A Xunta de Galicia dará continuidade ás Aulas I+I e procurará que na vindeira edición se poidan incorporar novos centros que estean interesados en traballar pola igualdade e a inclusión dos nenos e nenas con discapacidade.